Quiroga continúa coas melloras turísticas no municipio

RibeiraSacraXa
Estes días colocáronse cinco bancos en lugares estratéxicos do Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio de Quiroga.
quiroga bancos camino santiago portada
29 Oct 2021

A colocación de bancos no Camiño de Inverno, o mural da peregrina realizado na vila quiroguesa, a sinalización da ruta do Castro de Penadominga, a mellora da interpretación do pregamento de Campodola- Leixazós, a renovación das páxinas webs dos museos de Quiroga e a creación da ruta Quiroga, Vila literaria forman parte das melloras turísticas que o Concello de Quiroga solicitou dentro do Plan de Sostibilidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Estes días colocáronse cinco bancos en lugares estratéxicos do Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio. Montefurado, O Castelo, Quiroga, Carballo de Lor e a Ponte de Barxa de Lor foron os emprazamentos escollidos para a colocación destes bancos que á vez que serven para o descanso dos peregrinos indican o Camiño de Inverno.

Para comprobar a colocación destes bancos achegáronse ata estes lugares o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e o concelleiro de cultura, José Luis Rivera.

No plan de sostibilidade, que rolda un orzamento de 80.000 euros, está incluída a mellora dos paneis interpretativos que están situados no miradoiro de Campodola, a sinalización que se colocou na ruta circular do Castro de Penadominga, unha ruta acondicionada este verán polo campo de traballo da Xunta de Galicia e a brigada de incendios, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo; e a renovación da páxina web do Museo Xeolóxico e do Etnográfico incluíndo máis contido.

O último proxecto incluído dentro deste plan é a creación dunha ruta literaria Museo ao aire libre: Quiroga vila literaria. Trátase dun recorrido por todos aqueles lugares do municipio nos que viviron escritores famosos. O proxecto incluirá a sinalización destas edificacións e a colocación de códigos QR, que permitirán en cada lugar escoitar audios de fragmentos das obras destes escritores.

0.16622614860535