Quiroga contará cun mural do artista Iván Floro grazas á colaboración cidadá

RibeiraSacraXa
Quiroga en Marcha iniciara a finais do pasado mes de marzo unha campaña co fin de recadar os fondos necesarios para levar a cabo este proxecto na rúa Real.
mural
5 Abr 2021

A asociación Quiroga en Marcha vén de pechar a campaña que iniciara a finais do pasado mes de marzo co fin de recadar os fondos necesarios para levar a cabo o seu novo proxecto: incluír no museo de arte urbana de Quiroga un mural de grandes dimensións realizado por Iván Floro.

A obra localizarase no lateral do edificio que acolle o supermercado O Roxo, na Rúa Real da localidade.

Quiroga en Marcha desexaba que o novo mural o realizase Floro, “un dos maiores novos talentos da pintura na actualidade, e que ten realizado múltiples intervencións, sendo ademais o autor das últimas portadas dos discos de C-Tangana”, explica o colectivo.

A realización do traballo tería un custo duns 2.300 euros. Os veciños do inmoble onde se prevé realizar o mural fixeron as súas achegas, o Concello comprometeuse a asumir os gastos do guindastre e o propio colectivo aboará o aloxamento do artista pero, aínda así, faltábanlles uns 900 euros, que conseguiron reunir en pouco máis dunha semana grazas á colaboración cidadá.

Quiroga en marcha agradece "enormemente" a axuda a todas as persoas que realizaron algunha achega que, como mostra de agradecemento, recibirán unha fotografía do mural cando estea rematado co seu nome na parte posterior.

quiroga supermercado roxo rúa real quiroga en marcha mural
0.17034602165222