Quiroga conta cun plan de actuación ante o risco de rotura da presa de Sequeiros

RibeiraSacraXa
O plan xa contaba coa homologación da Comisión Técnica Permanente do Servizo de Prevención e Análise de Riscos da Xunta de Galicia.
Sesion plenaria quiroga
24 Nov 2021

A Corporación Municipal aprobou por unanimidade na sesión plenaria celebrada o 16-11-2021 o Plan de Actuación Municipal para o risco de rotura da presa de Sequeiros. O plan xa contaba coa homologación da Comisión Técnica Permanente do Servizo de Prevención e Análise de Riscos da Xunta de Galicia.

Este Plan de Actuación Municipal ten a finalidade de conseguir a máxima protección para a poboación que se atopa nas zonas inundables e, no posible, reducir os danos que poidan producirse nos bens e servizos esenciais, de acordo cos medios e recursos locais dispoñibles plenamente integrados na organización do Plan Especial de Protección Civil ante o risco de Inundacións en Galicia.

Este plan agora se vai publicar no DOG e no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e que se pode consultar no taboleiro de anuncios do concello, implica avisos á poboación afectada, cortes e control de estradas, establecemento de puntos de encontro ou afastamento, procedementos de evacuación e asistencia sanitaria e social; polo que implica a actuación dos GES, da Garda Civil, da Policía Local e dos grupos locais de apoio técnico, loxístico e de seguridade.

O plan que considera tres fases diferenciadas a de pre-emerxencia, emerxencia e volta á normalidade, sería aplicable ás poboacións e lugares habitados pertencentes ao Concello de Quiroga que estean situadas en zonas afectadas pola inundación: Os Novais, A Barca do Castelo, Quiroga, Espandariz, O Nocedo, Parada de Lor, O Freixeiro e todas as casas illadas que se atopan na marxe dereita do río Sil e do río Quiroga).

No caso do risco de inundación por rotura de presa, a medida mais eficaz é o afastamento ou evacuación, de forma áxil e ordenada. Polo que o plan contempla once puntos seguros de evacuación, así como a ruta a seguir para chegar a eses puntos – o C. Social dos Novaes, a Capela de Caspedro, A praza de San Xulián de Arriba, a praza de Pacios de Mondelo, o antigo cárcere de Quiroga, a adega do Mané (Quiroga), o almacén de Caurelor (Espandariz), a curva do Cereixal (Nocedo), a praza das Covas, o camiño da serra en Parada do Lor e o acceso a Santa Andrea -. No plan tamén se contemplan cinco locais que poderían acoller á veciñanza en caso de ter que permanecer evacuada (os locais sociais dos Novaes, Campos de Vila, A Ermida e Lamas de Lor e a antiga cárcere de Quiroga).

0.19372987747192