Quiroga conmemorou o Día do Orgullo LGTBIQ+ pintando unha escaleira coas cores da bandeira arcoíris

O Concello de Quiroga sumouse este sábado, 28 de xuño, á celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ cunha iniciativa simbólica para visibilizar e apoiar a diversidade. O Equipo de Goberno presentou á veciñanza a nova imaxe da escaleira que conecta a rúa Real coa rúa Arroio, decorada coas cores da bandeira do orgullo.
Esta acción, impulsada pola Concellaría de Igualdade a proposta do CIM de Quiroga, busca reivindicar os dereitos do colectivo LGTBIQ+ e lembrar a importancia de respectar e celebrar todas as identidades e orientacións sexuais. O CIM, ademais de ofrecer atención ás mulleres, tamén atende de forma específica ás persoas deste colectivo.
Durante esta semana, Manuel García, técnico da Casa da Cultura, e Marisa Castro, directora do CIM, encargáronse de pintar e deixar lista a escaleira para a data sinalada.
Como parte da celebración, a balconada da Casa Consistorial tamén luce a bandeira multicolor, símbolo internacional da loita pola igualdade, a inclusión e a visibilidade das persoas lesbianas, gais, bisexuais, trans e outras identidades. O Concello reafirma así o seu compromiso coa defensa dos dereitos e a dignidade das persoas LGTBIQ+.