Quiroga conmemorou o Día das Bibliotecas co alumado do instituto

RibeiraSacraXa
Os estudantes do IES de Quiroga participaron nunha visita guiada pola biblioteca e achegáronse ao cancioneiro tradicional galego cun obradoiro
dia-das-bibliotecas-quiroga
26 Oct 2025

O pasado venres, 24 de outubro, a Biblioteca Pública de Quiroga acolleu varias actividades co motivo do Día das Bibliotecas, que este ano leva por lema "Contra a desinformación: bibliotecas", destacando o papel esencial das bibliotecas na loita contra a desinformación.

As actividades estiveron dirixidas aos alumnos e alumnas dos primeiros cursos do Instituto de Educación Secundaria de Quiroga. Nunha primeira acción, o alumnado realizou unha visita guiada pola biblioteca, situada na Casa da Cultura, coñecendo o seu funcionamento, a organización dos libros e a importancia destes espazos como recurso educativo e cultural.

A segunda actividade integrouse no programa “BiblioCanta” da Rede de Bibliotecas da Xunta de Galicia, achegando aos estudantes ao cancioneiro tradicional galego. Durante a sesión, os mozos e mozas participaron activamente nas cancións propostas, recuperando ditos e recitados, mantendo viva a tradición e converténdoa nunha forma de lecer e expresión.

O alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, estivo presente para saudar aos participantes e valorar o desenvolvemento das actividades, destacando a importancia de fomentar o interese pola lectura e a cultura entre a mocidade.

⚙ Configurar cookies
0.069633007049561