Quiroga comeza a facer melloras dos elementos urbanos e vías da vila
O Plan de Mantemento de Quiroga xa está en marcha e comezaron as melloras dos elementos urbanos que están en mal estado e a limpeza en profundidade das beirarrúas da zona central da vila.
A mellora dos elementos urbanos levarase a cabo nas rúa Courel, Tallos, Pereiro, Campo da Feira e Ánxel Fole. Tamén se inclúen o parque da Igrexa, o parque da praza España, a praza Maior e os xardíns da rúa Rosalía de Castro.
Os traballos de mellora consistirán en limpeza e pintado de papeleiras e xardineiras ou a substitución das que se atopen máis deterioradas, limpeza de bancos de formigón e pintado dos de madeira, pintado e substitución de cristais nas farois e retirada de bancos ou mobiliario que entorpecen a circulación polas beirarrúas para situalos noutros lugares.
Tamén se inclúe a mellora da iluminación da fachada da casa consistorial que será en cor ao igual que as letras da entrada, iluminación para o parque infantil da praza de España, substitución da sinalización da rúa Real que o precise e a colocación dun tramo de beirarrúa na rúa Campo da Feira.
O alcalde quirogués, Julio Álvarez, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Luis Manuel Arias, achegouse ata a zona dos xardíns da entrada onde se está levando a cabo o pintado dos bancos de madeira e as papeleiras e ata a zona do Pereiro onde tamén se pintaron as farolas.
Para a realización deste Plan de Mantemento da Vila de Quiroga o concello conta cun orzamento de 48.300 euros, que se incrementarán con outros 20.000 € para realizar unha limpeza en profundidade das beirarrúas da zona central da vila.