Quiroga celebrará o 30 de maio a XXI Mostra do aceite
Os organizadores da Mostra do Aceite de Quiroga reuníronse nunha primeira toma de contacto para estudar cales son as posibilidades de realizar actividades para celebrar esta festa que ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia.
A comisión nun primeiro momento xa fixou a data para a súa celebración que será o 30 de maio. E tamén fixou os requisitos mínimos que terán que cumprir aqueles olivicultores que queiran presentar o seu aceite nesta XXI Mostra do Aceite.
Entre o vindeiro luns e o venres 23 de abril (ámbolos dous incluídos) ábrese o prazo para os colleiteiros interesados en participar na Mostra, que terán que cumprir dúas condicións imprescindibles: contar con rexistro sanitario e ter unha colleita mínima de 200 l. de aceite.
Tendo en conta que o número de colleiteiros está limitado a 6, a selección dos participantes farase por orde de inscrición nas oficinas municipais por rexistro de entrada.
No momento da inscrición os interesados deberán presentar unha mostra de 1 litro en envase de cristal para as posibles catas a realizar.
A XXI Mostra do Aceite terá que celebrarse, evidentemente, respectando todas as medidas sanitarias e coa cautela e reserva que permitan as normas anti – covid; polo que as actividades que se organicen estarán debidamente estudadas.