Quiroga celebrará as súas Festas de Verán do 7 ao 11 de agosto

O Concello de Quiroga presenta o cartel das súas Festas de Verán, que se celebrarán do 7 ao 11 de agosto. Serán cinco días de actividades para todos os públicos, cun programa cheo de música, teatro, circo, fogos artificiais e deporte.
As festas comezarán o xoves 7 cun concerto do grupo local Mario Colomán & The Clocks Band na Praza España, seguido dunha sesión de disco móbil. O venres haberá teatro infantil co espectáculo “A nena lentella” e música en directo con Roy Casal, ex integrante de Milladoiro, e o grupo Assia, que repetirá despois do éxito do ano pasado.
O sábado, a maxia será protagonista co Mago Antón, que celebra 50 anos de carreira. Pola noite, Luar na Lubre traerá o seu espectáculo “Encrucillada” para repasar os seus 40 anos de traxectoria. Despois, Conductores Suicidas ofrecerá un tributo a Joaquín Sabina.
O domingo, a XXXIV Mostra do Mel reunirá diferentes produtores da zona, mentres o circo de “Desaustronauts” animará o recinto feiral. Tamén haberá sesión vermú con NoAllKansas, que versionarán éxitos das décadas dos 70, 80 e 90. Pechará a xornada a orquestra Panorama co seu “Epic Tour 2025”.
O luns 11, último día das festas, haberá tirada de fogos artificiais e concerto do grupo América. Ademais, durante estes días volverán celebrarse os torneos de Street Soccer e Street Volley nas pistas do Parque da Constitución.
O programa conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Plan Deputación 2025.