Quiroga busca poñer en valor ás persoas coidadoras coas primeiras Xornadas “Coidar a quen coida”

RibeiraSacraXa
Serán o sábado 18 de abril e están pensadas tanto para coidadores profesionais como para persoal sanitario e persoas con responsabilidades de coidado no ámbito familiar
maiores-man-saf-axuda-
30 Mar 2026

O Concello de Quiroga, a través das concellerías de Igualdade e Servizos Sociais, organiza o vindeiro sábado 18 de abril as I Xornadas “Coidar a quen coida”, unha iniciativa gratuíta dirixida a poñer en valor o labor das persoas coidadoras e ofrecerlles apoio, formación e recoñecemento.

O encontro desenvolverase no Salón de Actos da Casa da Cultura e está pensado tanto para coidadoras profesionais como para persoal sanitario e persoas con responsabilidades de coidado no ámbito familiar. O programa combina espazos de reflexión con actividades prácticas e de lecer.

A xornada arrancará cunha mesa redonda centrada no esgotamento das persoas coidadoras e o síndrome de burnout, moderada polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández. Nela participarán profesionais como a traballadora social Galia Fernández García (Attende Care S.L.), a traballadora social Ana de la Torre Alvaredo (Concello de Sober), a psicóloga do CIM de Quiroga Esther Mariño Casanova, a médica de familia Eva Rodríguez Macía e a coidadora profesional Miluska Apolinaria Barreto Mayon.

Ao longo do día tamén se desenvolverán obradoiros formativos, entre eles “Círculo de benestar”, impartido por Paula Santos, e “Viaxe interior”, a cargo de Teresa Taboada, que buscan ofrecer ferramentas para o autocoidado e o equilibrio emocional das persoas asistentes.

O programa complétase con unha visita cultural, unha actividade de lecer centrada no humor baixo o título “O poder terapéutico do humor”, con improvisación teatral a cargo de Antía Vidal, Antía Costas e Marta Doviro, e unha cata de viños acompañada dunha degustación de produtos locais.

Dende o Concello destacan que o obxectivo destas xornadas é xerar un espazo de encontro, aprendizaxe e descanso para as persoas coidadoras, co desexo de dar continuidade a esta iniciativa no futuro. Para participar é necesario inscribirse previamente a través dos correos electrónicos habilitados polo Concello.

0.13024306297302