Quiroga avanza no proxecto da futura ponte colgante de Campodola

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, asinou esta semana convenio de colaboración coa empresa Star Project Consulting (SPC), que será a encargada de redactar o proxecto básico da futura ponte colgante de Campodola.
Esta empresa de enxeñaría cántabra asumirá a elaboración do proxecto inicial da infraestrutura e avanzará, ademais, na avaliación ambiental necesaria. Para iso, traballará en coordinación con distintas direccións sectoriais, co obxectivo de integrar desde o inicio toda a documentación e os requisitos esixidos polas diversas administracións implicadas. Prevese que nun prazo de tres a catro meses o proxecto estea listo.
A sinatura do convenio tivo lugar no marco dunha reunión de traballo na que participaron representantes da empresa, alcaldes e membros do Xeoparque Montañas do Courel, así como do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Durante o encontro tamén se abordaron posibles alternativas para a divulgación do pregamento xeolóxico de Campodola – Leixazós.