Quiroga avanza no proxecto do futuro Centro de Interpretación de Montefurado

O alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, e o tenente de alcalde, Vicente Parra, mantiveron esta semana unha reunión telemática cos técnicos encargados de redactar o proxecto do futuro Centro de Interpretación de Montefurado. No encontro presentouse o proxecto básico e, tras introducir algunhas modificacións, está previsto que o documento definitivo quede listo a finais de ano. Segundo indicaron os responsables técnicos, as obras poderían comezar ao longo do próximo ano.
Este proxecto forma parte do convenio asinado en maio entre a Confederación Hidrográfica e o Concello de Quiroga, e supón un paso importante para a recuperación e dinamización desta zona de especial valor patrimonial. A primeira maqueta fora presentada o pasado mes de setembro.
Durante a reunión tamén se mostrou a proposta do edificio que funcionará como centro de interpretación e punto de recepción de visitantes, que se construirá nun terreo adquirido polo propio Concello. O investimento total ascende a un millón de euros, dos que a Confederación achegará o 90% e o 10% restante correrá a cargo do Concello de Quiroga.
Ademais da creación do centro, o proxecto inclúe un sendeiro de 4 quilómetros, un miradoiro e unha pasarela sobre o río Sil, actuacións que buscan mellorar o acceso e a posta en valor da contorna de Montefurado.