Quiroga adxudica a construción do cemiterio municipal

RibeiraSacraXa
O concello de Quiroga adxudicou a primeira fase de construción do cemiterio e da nova rúa que unirá a rúa Tallos coa rúa Rego da Silva.
camino quiroga
21 Ago 2021

O concello de Quiroga adxudicou a primeira fase de construción do cemiterio e da nova rúa que unirá a rúa Tallos coa rúa Rego da Silva que, ademais, dará servizo ao novo cemiterio. Esta primeira fase de construción conta cun orzamento de 175.000 euros.

No pasado mes de xuño, dábase luz verde á ocupación dos terreos pola vía de urxencia. No mes de xullo tiña lugar o levantamento da acta de ocupación na que se recollían os datos dos propietarios e das parcelas implicadas, pasando os terreos a ser propiedade do concello. Agora comeza xa un proxecto bianual que dotará aos veciños dun cemiterio municipal e da urbanización dunha nova rúa.

Tras a contratación agora a empresa adxudicataria comezará co replanteo dos terreos polo que na vindeira semana poderán verse xa as máquinas no movemento dos terreos para estas dúas obras, que se levarán a cabo ao mesmo tempo.

O alcalde quirogués, Julio Álvarez, destacou a rapidez coa que se levou a cabo este proxecto pois nun ano tomouse a decisión política dunha obra que xa está contratada; tras pasar por todas as súas fases de conseguir os terreos, realizar o proxecto, conseguir a aprobación de todas as administracións competentes e acadar o financiamento.

O proxecto do novo recinto mortuorio, endosado ao actual cemiterio, ten unha superficie de 3.326 m2, no que se construirán 1.154 unidades de enterramento novos entre panteóns e nichos. Tamén contará con dous columbarios para depositar as urnas das cinzas con 42 espazos cada un; e un local de culto aconfesional. Dende o novo recinto crearase unha rúa en diagonal e unha serie de rúas que facilitarán o acceso a todos os servizos do cemiterio así como ao antigo campo santo.

Unha vez iniciada esta primeira fase das obras, trabállase xa no que será a seguinte fase para a que se calculan uns 370.000 euros, nesta ocasión seguramente a cargo dos fondos propios do concello.

0.34871006011963