O incendio de Quiroga e A Pobra de Brollón ameaza varios núcleos e obriga a cortar o tráfico ferroviario

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A Xunta de Galicia establece o nivel de alerta preventiva 2 en Conceado, San Pedro de Lor e Golmar pola proximidade das lapas ás vivendas
Quiroga-incendio
25 Aug 2025

A vaga de lumes que afecta a Galicia dende hai dúas semanas rexistrou este luns un novo episodio cun foco declarado no concello lucense da Pobra do Brollón. Con este incendio, que afecta xa a unhas 100 hectáreas na parroquia de Abrence, son tres os que permanecen activos na comunidade, cun balance provisional de arredor de 4.950 hectáreas arrasadas.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume da Pobra do Brollón comezou arredor das 13.00 horas deste luns e obrigou a activar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade a varios núcleos habitados, entre eles Golmar, no propio concello, e Conceado e San Pedro, xa no municipio de Quiroga. Para os traballos de extinción despregouse un operativo con catro técnicos, dez axentes, catorce brigadas, quince motobombas, catro palas, catro helicópteros e oito avións.

A situación obrigou a cortar o tráfico ferroviario entre San Clodio-Quiroga e A Pobra do Brollón, da liña Monforte de Lemos-Ponferrada e non se descarta ter que cortar tamén a N-120.

A maiores, seguen activos o incendio de Avión, na parroquia de Nieva (Ourense), con preto de 150 hectáreas afectadas, e o de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que leva queimadas unhas 4.700 hectáreas logo de propagarse desde o municipio zamorano de Porto, onde se iniciara o pasado 14 de agosto.

A nota positiva da xornada veu da man da estabilización do lume que comezara na parroquia de Requeixo (Chandrexa de Queixa), ao que posteriormente se sumaran os focos de Parafita (Chandrexa de Queixa) e Mormentelos (Vilariño de Conso). Este último foi o derradeiro en estabilizarse.

Tamén quedou controlado ás 11.36 horas deste luns o incendio de Vilaboa (Pontevedra), declarado o xoves 21 na parroquia de Santa Cristina de Cobres e que arrasou unhas 70 hectáreas. No momento da súa declaración chegou a obrigar á activación do nivel 2 de emerxencia pola proximidade ao núcleo de Vilar.

Ademais, permanecen estabilizados outros cinco lumes en Ourense: o de Larouco, na parroquia de Seadur, con 30.000 hectáreas queimadas; o de Oímbra e Xinzo de Limia, en A Granxa e Gudín, con 17.000 hectáreas; o da Mezquita, en A Esculqueira, con 10.000 hectáreas; o de Carballeda de Avia e Beade, con 4.000 hectáreas; e o de Vilardevós, en Vilar de Cervos, con 900 hectáreas.

Xunto ao de Vilaboa, seguen controlados outros seis incendios, cinco deles en Ourense: o de Maceda, en Santiso e Castro de Escuadro, con 3.500 hectáreas; o de Vilardevós, en Moialde, con 600 hectáreas; o de Montederramo, en Paredes, con 120 hectáreas; dous en Riós, un en Trasestrada (40 hectáreas) e outro en Fumaces e Trepa (100 hectáreas); e o de Carballedo, na parroquia da Cova, tamén con 100 hectáreas.

⚙ Configurar cookies
0.15621900558472