Quiroga acolleu o II Encontro Interxeracional entre usuarios do Centro de Día da Ribeira e nenos
Os usuarios do Centro de Día da Ribeira de Quiroga e unha ducia de nenos e nenas do municipio desfrutaron do II Encontro Interxeracional organizado polo centro e no que colaboraba a Unidade de Atención Temperá do municipio.
Entre as actividades que realizaron están os traballos manuais, xogos, panxoliñas e unha merenda.
Así, xuntos participaron nunha nova experiencia para nenos e maiores coa realización das mesmas actividades, centradas na época de Nadal na que nos atopamos, e que divertiron por igual a pesar da gran diferencia de idade.
Con este encontro e coa visita de Papá Noel o pasado venres abriuse o Nadal para os máis pequenos da casa, xa que son moitas as actividades programadas para eles dende o Concello de Quiroga.
Outras actividades
Este venres ás 18.00 horas o Auditorio Municipal acollerá un espectáculo de Títeres, a 'Saga de Flin Havardr' a cargo de Trécola Produccións.
Os días 2, 3 e 4 de xaneiro pola tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas, o pavillón municipal acollerá un parque de hinchables de Nadal.
Todas estas actividades, gratuítas, rematarán o día 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata na que as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán Quiroga.