Quiroga acolleu a presentación da plataforma Disca-VioGen

A Casa do Concello de Quiroga acolleu a presentación da plataforma Disca-VioGen, unha ferramenta pioneira impulsada no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e financiada polo Ministerio de Igualdade. O seu obxectivo é reforzar o seguimento e a protección das mulleres vítimas de violencia machista e dos seus fillos e fillas.
No acto participaron o alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, a concelleira de Igualdade, Maite Pérez, e as profesionais do Centro de Información á Muller (CIM) de Quiroga. A presentación correu a cargo de Verónica Arias, coordinadora do Departamento da Muller de ASPAYM Castela e León, entidade encargada de desenvolver o proxecto.
A plataforma ofrece información accesible sobre recursos e medidas contra a violencia de xénero, cun formato adaptado para facilitar a comprensión e o acceso. Está pensada para mulleres en xeral, pero presta unha atención especial ás mulleres con discapacidade, un colectivo con maior risco de sufrir violencia machista, especialmente en contornos rurais.
Entre as súas características destacan o uso dunha linguaxe sinxela, cores accesibles para persoas con discapacidade visual e subtítulos que facilitan a comprensión dos contidos. Ademais, Disca-VioGen inclúe recursos adaptados e orientación personalizada, conectando ás usuarias con profesionais e entidades especializadas segundo as súas necesidades.