Quiroga acollerá unha xornada formativa sobre a elaboración de aceite de oliva virxe extra de calidade

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá o vindeiro sábado 24 de xaneiro unha xornada formativa centrada na elaboración de aceite de oliva virxe extra (AOVE) de calidade en Galicia. A iniciativa está organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e desenvolverase en horario de mañá.
A xornada contará coa participación de expertos galegos e portugueses e ten como obxectivo afondar nos aspectos técnicos e profesionais vencellados á produción de AOVE na comunidade galega. Entre os contidos que se abordarán figuran o traballo en almazara, o control dos procesos de elaboración e a necesidade de avanzar na profesionalización do sector como base para o seu desenvolvemento sostible no medio rural.
O encontro poñerá o foco nas particularidades do contexto atlántico galego, onde a calidade do aceite depende en gran medida do manexo técnico, do coñecemento científico e da capacidade para avaliar e mellorar o produto final. Ao longo da xornada combinaranse experiencias profesionais, achegas académicas e análise sectorial desde unha perspectiva práctica e estratéxica.
A programación inclúe tamén unha cata de aceites como ferramenta técnica aplicada ao proceso de elaboración, así como unha proposta gastronómica final que permitirá poñer en valor o AOVE galego como un produto de calidade diferenciada e con potencial económico.