Quiroga acollerá en febreiro unha nova edición da Festa do Trail galego
Este domingo 30 de outubro ás 20.00 horas abriranse as inscricións para unha nova edición da Quiroga Trail Challenger que terá lugar os días 4 e 5 de febreiro de 2023. Un evento deportivo que acada xa a súa novena edición.
Con máis ganas ca nunca o Club Deportivo Montouto e o Concello de Quiroga asumen o reto de reinventarse e crear novos percorridos. Coa intención de manter, no posible, o percorridos pero sen transitar zonas afectadas polos lumes deste pasado verán, a organización optou por unir Castelo e Lor dando como resultado un Ultra Trail de case 61 quilómetros de lonxitude, esta vez en sentido contrario ó de anos anteriores no percorrido do Lor pero superando a súa dureza e nivel técnico. Deste xeito, os participantes poderán gozar dos lugares máis inexplorados do Xeoparque Montañas do Courel.
Todo isto, sen esquecer ós corredores de distancias máis curtas ou aqueles que se inician nas carreiras por montaña para os que, como sempre, Quiroga Trail Challenger ofrece unha ampla variedade de distancias. O 4 de febreiro no Trail do Castelo Ultra de 61 quilómetros, Maratón de 44 quilómetros, Trail de 25 quilómetros, Mini Trail de 15 quilómetros e unha Andaina de 17 quilómetros; e o 5 de febreiro no Trail do Lor, un Trail de 25 quilómetros e un Mini trail de 15 quilómetros.
Espérase unha gran afluencia de corredores, do mesmo xeito que na pasada edición, que trala apertura de inscricións en tan só tres horas recibíronse 700 inscricións, chegando a 1.350 participantes, esgotando así o total de prazas dispoñibles e esgotando todas as prazas hostaleiras nun radio de 30 quilómetros.
Toda a información pertinente e as inscricións pódense consultar e realizar na páxina web www.quirogatrail.es