Quiroga acollerá cursos gratuítos para sacar partido ás ferramentas dixitais

Durante os meses de xuño e xullo, a Aula Cemit situada na Casa da Cultura de Quiroga acollerá varios cursos dixitais gratuítos orientados a mellorar o uso das ferramentas tecnolóxicas no día a día. A formación abrangue desde coñecementos básicos sobre internet e administración electrónica, ata recursos para organizar o traballo ou aumentar a visibilidade dun negocio no medio rural.
En total impartiranse tres cursos. Os dous primeiros desenvolveranse entre o 16 e o 19 de xuño. O curso Vivindo conectados dende o pobo, centrado en aplicacións de lecer e saúde, terá lugar de 18:00 a 20:00 horas. A continuación, en horario de 20:00 a 22:00 horas, impartirase Impulsa os teus proxectos, enfocado en ferramentas dixitais útiles para impulsar iniciativas persoais ou profesionais.
O terceiro curso, titulado Traballando e creando dende o teu pobo, centrarase en ferramentas de xestión e organización. Celebrarase do 7 ao 10 de xullo, tamén en horario de 20:00 a 22:00 horas.
Esta iniciativa está organizada pola Fundación Cibervoluntarios en colaboración co Concello de Quiroga, e conta co financiamento do programa NextGeneration da Unión Europea, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Para participar en calquera dos cursos é necesario inscribirse previamente na Casa da Cultura.