Quiroga acollerá a representación teatral da obra 'Boa sorte, mala fama'

RibeiraSacraXa
Organízase esta actividade con motivo do Día das Letras Galegas
Boa-sorte,-mala-fama
17 Maio 2024

Con motivo da celebración das Letras Galegas, o Concello de Quiroga acollerá a representación teatral da obra 'Boa sorte, mala fama', a cargo da compañía Tarabela Creativa.

Con este mesmo motivo, o balcón da casa consistorial loce unha pancarta alusiva a esta data. A iniciativa do Equipo de Goberno recolle os nomes dos escritores galegos aos que se dedicou o Día das Letras Galegas, resaltando especialmente aqueles que tiveron vinculación con Quiroga, como é o caso de Uxío Novoneira, Anxel Fole ou Manuel María.

A obra de teatro

'Boa sorte, mala fama' é unha obra de teatro en galego sobre a emigración. Sempre se soubo que as andoriñas son aves de bo augurio e que alí onde aniñan traen fortuna. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as andoriñas, ganamos mala fama, alá onde fomos a buscar a nosa boa sorte. Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquilo do que pouco se fala.

A compañía lucense Tarabela Creativa fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde, perseguen dúas vocacións: a primeira, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual, a segunda, un fundamental labor de plantar a semente dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.

Durante un ano e medio, Tarabela Creativa documentouse para realizar esta obra mantendo numerosas conversas con varios Centros Galegos, ca Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia ou con asociacións fundadas na diáspora que se ocuparon de abrir escolas en parroquias de todo o país.

Consultaron o Arquivo da Emigración Galega, a ducias de emigrantes retornados dende medio mundo a toda a xeografía galega, documentouse con bibliografías e hemerotecas, visitou museos da emigración e conversou coa filla dunha das fundadoras das Nais da Praza de Maio.

Recollendo historias de Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba, Panamá, Guinea  Ecuatorial, Australia, Bélxica, Suíza, Alemaña, Francia, Gran Bretaña, Países Baixos, Estados Unidos ou Canadá. Esta obra, que se poderá ver gratuitamente no Auditorio Municipal a partir das oito do serán, está organizada pola área de Normalización Lingüística, co patrocinio da área de Cultura Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial.

0.15821886062622