Quiroga acollerá a proxección da curtametraxe “Pura”

A Casa da Cultura de Quiroga será o escenario, o vindeiro venres 7 de novembro ás 20:00 horas, da proxección da curtametraxe “Pura”, gañadora de varios Premios Mestre Mateo 2025. A actividade, con entrada de balde, está organizada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Quiroga.
“Pura”, dirixida por Carmen Méndez, narra a historia dunha muller que regresa á súa casa para reencontrarse consigo mesma. A través dunha cámara coa que filma por primeira vez, retrata á súa nai e á súa avoa, construíndo tamén o seu propio retrato e reconciliándose coas súas raíces e cos recordos.
A obra recibiu numerosos recoñecementos, entre eles o Premio á Mellor Curtametraxe nos Premios Mestre Mateo 2025, o Premio Supernova e o Premio Cátedra Cruz Roja-USC no Festival Internacional de Cine Curtocircuíto 2024, ademais dos galardóns a Mellor Curta Dirixida por unha Muller, Mellor Montaxe e Premio do Público no Aguilar Film Festival 2024.
Durante o acto, a directora Carmen Méndez presentará a obra e participará nun coloquio posterior co público. Méndez, formada en interpretación, voz e violín, conta cunha ampla traxectoria en teatro, cine e televisión. Traballou en series como “Pazo de Familia”, “O Faro”, “Serramoura”, “Auga Seca” ou “Élite”, e foi unha das protagonistas de “Saudade de Ti” (TVG). No cine participou en “Tres”, de Juanjo Giménez Peña, e no documental “Pelerinaxes”, de Simone Saibene.
Ademais da súa labor como actriz, Méndez desenvolveu a súa faceta humorística con monólogos e espectáculos como “Sen restricións” e “As Rumorosas”, xunto a Marta Doviro e Ledicia Sola. No 2024 debutou na dirección coa exitosa curtametraxe documental “Pura”, que agora chega a Quiroga como parte do seu percorrido por diferentes espazos culturais de Galicia.