Quiroga acolle este mércores unha nova sesión do seu Faladoiro

Este próximo mércores, 28 de xaneiro, o Centro Social de Quiroga acollerá un novo encontro do ciclo "Faladoiro", dedicado nesta ocasión a Caurelor, unha empresa local que leva dúas décadas apostando pola elaboración artesanal e ecolóxica de produtos con base de castaña. Como é habitual, a charla estará moderada polo concelleiro Xosé Manuel Fernández e aberta a toda a comunidade.
Verónica e Daniel Arza comezaron este proxecto como unha aposta polo produto local e natural, transformando a castaña nunha gama de produtos que inclúe desde castañas cocidas ata cremas e marmeladas de diferentes froitas, todas feitas a man e sen conservantes. Ademais, ofrecen zumes e mel de alta montaña, mantendo un forte compromiso coa calidade e o sabor auténtico.
Caurelor, explican desde o Concello, non só vende os seus produtos en tendas e en liña, senón que tamén participa en numerosas feiras e recibe visitas no seu obradoiro, onde explican o proceso artesanal que distingue os seus produtos e que lles valeu varios recoñecementos.