'Quere o teu mercado' chega este sábado á Praza de Abastos de Monforte
A campaña internacional Quere o teu mercado chega este sábado 28 de maio a Monforte de Lemos, que se vai unir a esta iniciativa con diversas actividades na Praza de Abastos entre as 11.00 e as 13.00 horas.
En ese horario, os nenos e nenas monfortinos poderán achegarse ao Mercado para facer un obradoiro de barro e construír un testo para plantar unha planta, ademais de recibir agasallos da campaña Quere o teu mercado. A actividade está organizada polo Concello e conta co apoio da Dirección Xeral de Comercio.
O obradoiro de barro realizarase en dúas quendas, a primeira ás 11.00 horas e a segunda ás 12.00 horas, con quince prazas cada unha, e as inscricións realizaranse o mesmo día a partir das 10.30 horas ata esgotar as prazas.
“Con esta iniciativa dende o Concello de Monforte sumámonos ás que xa levamos realizando dende hai anos para fomentar as compras no pequeno comercio de proximidade, que é o que se realiza na Praza de Abastos da nosa cidade”, destaca o alcalde, José Tomé Roca.
Neste senso, o rexedor monfortino indicou que “as prazas de abastos, a través de canles cortas de comercialización, garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos e nelas únese tradición e modernidade a través dun traballo profesional a cargo dos praceiros e praceiras”.