Publicadas dúas ordes para accións silvícolas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou dúas ordes para a xestión silvícola. Así, na primeira, a orde de modelos silvícolas e de xestión forestal, recolle 38 guías técnicas de sinxela aplicación para o manexo sustentable das principais especies, recursos e servizos que subministran os bosques galegos. Trátase dun abano amplo para fomentar unha aplicación práctica das políticas de descarbonización, neutralidade climática e bioeconomía, así como os principios de xestión activa, adaptativa, participada ou próxima á natureza. Ademais, con esta medida impúlsase a valorización do monte e de todos os seus produtos forestais como as resinas, as cortizas, os piñóns, as castañas, os cogomelos ou o aproveitamento pastoril en terreos forestais desarborados, entre outros.
Estes modelos informan de como plantar, que labores de mantemento e silvicultura (podas, rareos) realizar e cando e como hai que levalos a cabo, así como as quendas máis idóneas para o seu aproveitamento sustentable e posterior rexeneración. Asemade, informan da intensidade de xestión que supón a súa aplicación para os seus titulares así como o grao de resiliencia do modelo aplicado. Así mesmo, inclúese unha fonda batería de diferentes modelos para a xestión sustentable de masas de frondosas caducifolias.
A Lei de montes de Galicia establece a obrigatoriedade de que os terreos forestais de 15 ou menos hectáreas de superficie dispoñan dunha adhesión a estes modelos silvícolas para poder realizar o seu aproveitamento madeireiro de carácter comercial (non esixible para uso doméstico de leñas). Estes modelos preséntanse como instrumentos moi útiles de formación e cultura forestal para os silvicultores galegos.
Por outra banda, o DOG recolle tamén a nova convocatoria de axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Esta nova convocatoria está dotada cun total de 13.072.000 euros para as anualidades de 2021 e 2022. Prevese que se poderá chegar a 525 beneficiarios e actuar sobre unhas 7.000 hectáreas de superficie nas que, na súa maior parte, se realizarán podas en masas de coníferas e tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras.
Os interesados terán un mes para solicitar estas axudas, que no período de aplicación do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 representaron unha achega de preto de 57 millóns de euros a 2.228 beneficiarios, o que supuxo actuacións en máis de 31.600 hectáreas de superficie.
Estas subvencións súmanse á convocatoria -aínda aberta- das axudas por importe de case oito millóns de euros para a creación de arredor de 4.000 hectáreas de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas, así como para a transformación de brotes de eucaliptais en masas desas mesmas especies. Ademais, tamén están en prazo de presentación as axudas de prevención de incendios por valor de catro millóns de euros que contemplan o control do combustible forestal e as axudas á boa gobernanza de comunidades de montes veciñais en man común, dotadas inicialmente con 1,5 millóns de euros.
Regulación do eucalipto
O Consello da Xunta aprobou a suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto en zonas nas que actualmente non existen e permitir unicamente as replantacións con esta especie nos terreos de toda a comunidade autónoma nos que xa existían eucaliptos e que, no momento da entrada en vigor da devandita suspensión, cumpriran coa legalidade e sigan a cumprir o marco legal vixente. Ao tempo, potenciaranse outras especies, cun plan específico para o piñeiro e outro para o castiñeiro e para o resto das árbores frondosas.