Publicada a resolución de premios para deportistas da Deputación

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Publicada a resolución das 185 bolsas para deportistas da Vicepresidencia da Deputación a deportistas de base
deportes escolas deportivas
20 Ago 2022

O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres a resolución provisional dos premios para deportistas de modalidades individuais que concede a Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da área de Deportes, cun importe total de 85.500 euros.

185 deportistas recibirán estas bolsas que oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, en función da súa participación e resultados en diferentes probas e campionatos, desde competicións de nivel provincial ata campionato internacionais en distintas modalidades ao longo do 2021.

Así, o atleta viveirense Adrián Ben, diploma olímpico nos Xogos de Tokyo, o atleta monfortino Jairo Salgueiro, que o ano pasado debutou nun Campionato de Europa absoluto e logrou dúas medallas de bronce no Campionato de España, o subcampión do mundo de tiro olímpico Martín Freije ou a atleta do Saviñao Nuria López.

Atendendo ás solicitudes presentadas, o atletismo é a disciplina con maior número de deportistas con bolsas (65), seguido do piraguismo (27), karate (14), natación (12), tiro olímpico (11), pentatlon moderno (10), taekwondo (6), orientación (5), bolos (5), judo (4), remo (4), triatlon (3), motociclismo (3), boxeo (3), loita (2), surf (2), hípica (2), entre outras modalidades.

O deputado de Deportes Efrén Castro sinalou que ““coas axudas tratamos de contribuír a financiar os custos derivados da actividade competitiva e tamén incentivar e recompensar o esforzo das nosas e dos nosos deportistas” e remarcou que “ademais de chegar a deportistas de categorías absolutas, que destacan a nivel estatal e incluso internacional, o groso dos premios beneficia a deportistas de categorías de base”.

A área de Deportes investiu nesta convocatoria de concorrencia competitiva un total de 85.500 euros, que se suman aos 500.000 concedidos a clubs e entidades deportivas. A resolución establece un prazo de dez días hábiles para a presentación de alegacións por parte das persoas interesadas.

0.18566203117371