PSOE, BNG e Por Chantada denuncian a situación que se está a vivir no Hospital de Monforte
As agrupacións locais do PSOE, Por Chantada - Interior Galego Vivo e BNG de Chantada alertan nun comunicado conxunto "da preocupante falta de profesionais na área da saúde mental tanto no Hospital de Monforte como no HULA, un servizo sanitario esencial para a poboación, especialmente para os menores, e que viu disparado o número de pacientes dende a pandemia".
Así, explican que no hospital de Monforte hai un único psiquiatra para atender todos os casos, "un recurso moi escaso para unha poboación de case 40.000 persoas". Ademais, no HULA só un profesional de psiquiatría infantil está traballando, porque a persoa que ocupa a outra praza está de baixa e non é substituída, "unha situación especialmente preocupante, xa que no HULA préstase atención os casos máis graves de toda a área Lugo, Burela e Monforte".
Din que coñecen casos de usuarios da comarca de Chantada que precisan de asistencia psiquiátrica diaria e "nin sequera teñen garantida unha periodicidade mínima. A situación tampouco é mellor na área da atención psicolóxica e afecta con maior intensidade ás familias nunha situación socioeconómica máis vulnerable", sosteñen.
Por iso, e independentemente dos resultados do vindeiro domingo, "consideramos imprescindible que se aumente o número de profesionais de saúde mental en toda a área sanitaria e que se garanta a cobertura cando algún deles estea de baixa laboral", conclúen.