Protección Civil refórzase en 13 concellos para atender emerxencias

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Goberno autonómico entregoulles diverso material para o uso das súas respectivas agrupacións municipais de protección civil
tendas campaña protección civil
9 Feb 2021

Trece concellos da provincia veñen de recibir diverso material para ampliar o equipamento de emerxencias que usan as súas respectivas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo este luns entrega de seis tendas de campaña destinadas aos municipios de Guitiriz, Lourenzá, Quiroga, Ribadeo, O Vicedo e Viveiro. Trátase de estruturas lixeiras para o transporte e de fácil montaxe e desmontaxe, que contan ademais coa instalación necesaria para colocar focos LED, xunto con catro tomas de corrente.

Ademais destas tendas de campaña, o Goberno autonómico cedeu senllos esparexadores de sal aos concellos de Cervantes e Meira; coitelas para a retirada da neve aos municipios de Negueira de Muñiz, Ourol, e Xermade; un remolque para atención ás emerxencias do Saviñao; e por último unha embarcación pneumática de salvamento e rescate ao concello de Barreiros.

Javier Arias lembrou que o Goberno galego mantén varias liñas de colaboración coas agrupacións de Protección Civil. Así, xunto ás entregas periódicas de novo material, tamén convoca anualmente cursos de formación e axudas para contribuír cos gastos correntes de funcionamento. Neste sentido, lembrou que ata o 19 de febreiro permanece aberto o prazo de solicitudes para optar a este programa de axudas, "que o pasado ano sumou en Lugo achegas por  importe de 58.200 euros", lembrou.

O representante autonómico sinalou que “a coordinación e colaboración institucional son máis necesarias que nunca neste difícil contexto sanitario, económico e social”, e gabou o papel que están a xogar os voluntarios e voluntarias de protección civil como apoio dos corpos profesionais de emerxencias.

0.14676809310913