Promoven unha nova Escola de Música para os concellos de Quiroga e Ribas de Sil
Os concellos de Ribas de Sil e Quiroga veñen de anunciar que van impulsar conxuntamente unha Escola de Música en colaboración coa Rockschool de Monforte cun novedoso método educativo que será impartido tanto en aulas de San Clodio, en Ribas de Sil, e de Quiroga.
O vindeiro día 14 ás 19.00 horas presentarán a escola na casa da cultura de Quiroga, na que actuarán rapaces de Monforte para que os pais poidan ver como poden tocar os nenos en pouco tempo. Máis adiante, coa formación adquirida, poderanse crear novas formacións musicais ou mesmo participar nalgunha das xa existentes, como a Banda Folk de Ribas de Sil.
Así, catro serán as especialidades musicais coas que nun principio se vai comezar: guitarra clásica, acústica e eléctrica, piano e teclado, voz e batería e percusión. As clases repartiríanse en dúas especialidades en cada municipio, previsiblemente os xoves. Tamén se porán en marcha clases para adultos se hai demanda.
Esta escola, que dirixirá Gonzalo Herrero, comezará a funcionar a partir do mes de xaneiro cun programa adaptado e especializado para cada alumno e ás clases poderá acudir alumnado dende os 6 anos de idade e contarase con cursos adaptados para os maiores de 60.