Programa de xeoconservación nas montañas do Courel
Durante os días 7, 8 e 9 de maio, o Courel Mountains UNESCO Global Geopark puxo en marcha un programa de xeoconservación de lugares de interese xeolóxico a través dun voluntariado xuvenil onde participaron 12 mozos e mozas. As intervencións que realizaron foron os lugares de Interese Xeolóxico do tramo perdedor do río Visuña e depósito glaciar da Seara, que comprende o xeomirador da Golada, a cascada e o muíño de Vieiros, a aldea da Seara -unha das seis aldeas paleozoicas do xeoparque- entre outros.
Ademais das accións de xeoconservación, realizaron a ruta do río Pequeno, e visitaron o Centro de Interpretación das Covas en Meiraos, onde a Alcaldesa do concello de Folgoso do Courel, Lola Castro, e o Presidente do xeoparque, Roberto Castro, agradeceron a súa participación e tiveron oportunidade de explicarlles o xeoparque.
Así mesmo, o xeoparque desenvolverá novas accións de xeoconservación a través de programa de voluntariado cara finais deste 2021 que, nese caso, estará dirixido á poboación en xeral.
Por outra beira, tamén se levou a cabo unha cata de degustación do viño de varias adegas do Xeoparque Montañas do Courel con motivo do Xeolodía 2021. Neste derradeiro evento participaron 41 persoas.