Producións Teatrais Excéntricas representa en Monforte a súa obra 'O auto de Castromil' este xoves
O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2024, para o que programa sete pezas, seis para público adulto e unha para público infantil e familiar.
Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, este xoves 25 de xaneiro terá lugar a posta en escena da obra para adultos 'O auto de Castromil', da compañía Producións Teatrais Excéntricas, obra escrita e dirixida por Quico Cadaval e interpretada por Patricia Vázquez, Rocío González, Marcos Orsi e Víctor Mosqueira.
A iniciativa, que terá lugar ás 20.15 no Edificio Multiusos terá un custo de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.
A obra
Con este proxecto Excéntricas gañou o III Concurso de proxectos que convoca a Fundación Manuel María e que recibe o apoio do Concello de Monforte de Lemos, xunto con máis de corenta concellos e institucións de Galicia.
A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña e os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos mais armas que o humor e o espirito antroidesco. “O auto do Castromil” é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Entrega en man da compañía Contraproducións que terá lugar o xoves 22 de febreiro no Edificio Multiusos ás 20.15 horas.