PRODEME representa a Galicia no Meeting Internacional Special Olympics 2025

A Asociación PRODEME, con sede en Monforte de Lemos, participará no Meeting Internacional Special Olympics 2025, que terá lugar en Castelló dende este xoves 16 e ata o 19 de outubro, coa presenza destacada de deportistas galegos.
En total, serán nove os atletas de PRODEME que representarán a Galicia neste evento. Sete deles competirán na modalidade de fútbol-7, formando un equipo combinado coa Asociación ASPAS, mentres que dúas deportistas loitarán polos colores galegos na disciplina de pádel.
O equipo contará co acompañamento da fisioterapeuta Belén Pérez e do adestrador Manuel Luaces, garantindo o apoio técnico e profesional necesario para afrontar con éxito esta cita deportiva internacional.
O encontro reunirá en Castelló a centos de deportistas con discapacidade intelectual de distintas comunidades autónomas e de varios países europeos, converténdose nunha oportunidade para fomentar o deporte inclusivo, a igualdade de oportunidades e a superación persoal.
Desde PRODEME expresan o seu orgullo por poder representar a Galicia e deséxanlles moita sorte aos seus deportistas, convencidos de que levarán o nome de Monforte e da Ribeira Sacra a un nivel destacado.