PRODEME recibe unha doazón de 2.500 euros grazas á Bicicleta Solidaria da Volta Ciclista

A Asociación PRODEME recibiu unha doazón de 2.500 euros froito dos quilómetros pedalexados na Bicicleta Solidaria instalada na Fan Zone de Monforte de Lemos durante a última edición da Volta Ciclista a España, unha iniciativa promovida por Caixa Rural Galega e Seguros RGA.
O acto de entrega celebrouse este martes nas instalacións da asociación en Monforte de Lemos, onde o subdirector de PRODEME, Juan Luís Cortiñas, e o xerente, Xulio Cortiñas, recolleron o cheque da man do director comercial de Caixa Rural Galega, José Manuel López Marcos, e do director da oficina de Monforte, Borja Rodríguez Álvarez.
A achega económica correspóndese cos 1.250 quilómetros percorridos polos afeccionados ao ciclismo na bicicleta solidaria, que se transformaron nos citados 2.500 euros. O proxecto Bicicleta Solidaria, impulsado hai máis dunha década, busca canalizar o esforzo dos afeccionados ao deporte cara a fins sociais, demostrando que “cada pedalada conta”.
Durante o acto, os representantes de PRODEME agradeceron a colaboración de Caixa Rural Galega, subliñando que esta axuda “contribuirá xunto a outras aos fins da asociación”, entre os que destaca o labor das persoas con discapacidade intelectual para “aportar á sociedade a súa dedicación e reverter na mesma os recursos que dedica a institucións deste tipo”.
A Asociación PRODEME, con máis de corenta anos de traxectoria en Monforte de Lemos, traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, promovendo a súa integración social e laboral e apoiando tamén ás súas familias.