Preto dunha vintena de persoas participaron nunha charla sobre violencia económica en Quiroga

O Centro de Información á Muller de Quiroga acolleu este pasado xoves unha charla sobre a independencia económica e a violencia económica, unha das formas máis comúns de violencia machista. A sesión desenvolveuse na Casa da Cultura e estivo a cargo de Laura Macía, licenciada en Administración e Dirección de Empresas e mentora en finanzas.
Macía explicou a importancia da planificación financeira para lograr a liberdade económica, especialmente para mulleres que gañan diñeiro pero non saben como xestionalo. Durante a charla, presentou o “Método Muller Libre”, que inclúe a creación dun fondo de emerxencia para imprevistos e fondos de investimento a longo prazo con obxectivos claros, partindo dunha revisión de ingresos e gastos mensuais.
Dentro da programación polo 25 de novembro, Día contra a Violencia Machista, o próximo 21 de novembro realizarase un obradoiro para o alumnado do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga. O día 25, ás 12:00 horas, entregarase material alusivo á loita contra a violencia machista e lerase un manifesto fronte á casa consistorial. Para finalizar, o 26 de novembro ás 17:00 horas, terá lugar un “Círculo de Benestar” a cargo de Paula Santos.