Preto dun cento de persoas participaron no Campionato de España de Pitch&Putt 2025 celebrado Monforte

O Club Río Cabe de Monforte de Lemos acolleu entre os días 3 e 5 de outubro o Campionato de España de Federacións Autonómicas de Pitch&Putt 2025, organizado pola Real Federación Española de Golf. O torneo reuniu a 16 seleccións e a preto dun centenar de participantes, entre xogadores, adestradores e capitáns, ademais de familiares e acompañantes.
Tras tres xornadas de competición, a selección de Baleares proclamouse vencedora, por diante de Canarias, que acadou o segundo posto. Castilla y León e Andalucía completaron o cadro final, situándose en terceira e cuarta posición. A selección galega logrou a sétima praza, mentres que o resto das comunidades se foron situando ata completar a clasificación.
A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, foi a encargada de entregar a copa á selección campioa, acompañada de representantes da Federación Galega e Española de Golf, así como do propio Club Río Cabe.
Prada agradeceu á Federación Española de Golf a elección da cidade para acoller o torneo e destacou “o importante impacto no noso sector hostaleiro e de restauración”. Tamén puxo en valor o traballo do club anfitrión e asegurou que este evento supón “unha ocasión excepcional para dar a coñecer o valor turístico, patrimonial e gastronómico do noso territorio”.
O presidente da Federación Galega de Golf, Mario Covelo López, agradeceu ao Concello e ao club a súa colaboración e mostrou a súa satisfacción pola organización.
O campo de golf de Río Cabe, situado en Ribas Altas sobre un meandro do río, converteuse unha vez máis en escenario dun campionato estatal, despois de acoller en maio de 2024 o Campionato de España individual masculino. Gloria Prada, en representación do alcalde José Tomé, salientou que “que a Real Federación Española de Golf apostara, por segundo ano consecutivo, polo campo de golf de Río Cabe e pola cidade de Monforte, como sedes dunha competición de tan alto nivel, indica que se fan as cousas ben”.
Con este evento, Monforte consolídase como referente no calendario deportivo nacional do Pitch&Putt, reforzando tamén a súa proxección turística.