Preto dun cento de nenos e nenas participaron en Chantada nunha Xincana Infantil pola Igualdade

Case un cento de rapaces e rapazas dos colexios Xoán de Requeixo e Eloísa Rivadulla de Chantada participaron este xoves pola mañá na ‘Xincana pola Igualdade, descubrindo mulleres polas rúas de Chantada’. Celebrábase así a última das actividades programadas este ano pola concellaría de Igualdade do Concello de Chantada con motivo do 8M.
A xincana, que se organiza por segundo ano, desenvolveuse polas rúas de Chantada, onde 6 grupos acompañados polos seus monitores competían por superar os distintos retos, que os levaban por cuestións como “Cantas adegueiras hai das 18 adegas da subzona de Chantada?”, “Que rúas están dedicadas a mulleres da nosa vila?” ou “Tivemos algunha alcaldesa?”
A actividade remataba na Praza do Cantón onde os e as participantes recibían os correspondentes agasallos. Pamela Fernández, a concelleira de Igualdade destacaba o éxito desta proposta, “Levamos dous anos celebrando a xincana infantil pola igualdade e tanto alumnado como profesorado trasládannos a súa satisfacción coa actividade por achegar os valores da igualdade e do papel feminino a través do xogo, ao tempo que coñecemos máis da nosa vila. Hoxe ademais o clima acompañounos e deunos un broche perfecto para completar a programación do 8M en Chantada