Preto de 90 mulleres participaron na IX Cea da Sororidade de Quiroga

Preto de 90 mulleres participaron na IX Cea da Sororidade organizada en Quiroga con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A iniciativa estivo promovida pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM).
A concelleira de Igualdade, Maite Pérez, acompañada polas traballadoras do CIM, foi a encargada de dar a benvida ás asistentes. Durante a súa intervención dedicou unhas palabras ás participantes relacionadas co agasallo que recibiron á súa chegada ao encontro, un espello. Segundo explicou, o obxectivo era lembrar que “cando nos miremos ao espello vexamos que todas somos bonitas, valentes, fortes, diferentes e únicas”.
A xuntanza celebrouse no restaurante Chapakuña e converteuse nun espazo de encontro entre amigas e veciñas, no que a sororidade e a confraternidade entre as asistentes foron as protagonistas da velada. Ao remate da cea realizouse un sorteo de agasallos doados por empresas e establecementos da comarca.