Preto de 500 persoas participaron este curso no Programa Activa de Monforte
O Programa Activa 2022/2023 de Monforte clausurouse da man do alcalde, José Tomé, a primeira aenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e a coordinadora de Servizos Sociais do Concello, Luz Méndez.
Desde o goberno loca informan de que esta edición tivo unha duración moi superior á de edicións anteriores e contou cunha participación de preto de 500 usuarios repartidos tanto no Centro Cívico da cidade como nas parroquias que o solicitaron.
“Tras de dous anos de ausencia, nos que tivemos que suspender este programa pola pandemia da Covid-19, por fin se puido poñer en marcha de novo, e fixémolo con ganas, entusiasmo e alegría, porque este programa está especialmente pensado para os nosos maiores”, comentou Tomé.
Obxectivos do programa
Tal e como explican desde o goberno local, os obxectivos que se pretendían acadar eran promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores. En concreto, búscase promover o benestar bio-psico-social das persoas maiores, promover a socialización e a participación social, habilitar espazos de encontro interxeracionais, evitar as situacións de illamento e soidade, e dinamizar as zonas rurais do Concello.
Con esta finalidade, déuselle prioridade de participación aos maiores de 55 anos, que son os que máis precisaban deste tipo de actividade para volver á normalidade, e gozar dunha vida máis saudable e independente.
Así, defenden que este ano se fixo un esforzo por aumentar o número de prazas nas actividades máis demandadas e consolidadas, entre as que se programaron prazas para persoas discapacitadas, co respectivo aumento de número de grupos que resultaron beneficiados.
En canto ás actividades ofertadas, plantexouse coma novidade “o curso de competencias dixitais para uso cotiá, no que ensinaron ás persoas maiores como manexar as novas tecnoloxías dixitais, tentando eliminar a fenda dixital interxeracional e reducir as desigualdades que isto provoca”.
O alcalde finalizou o acto expresando o seu desexo e intención de continuar con este compromiso persoal de mellorar a vida dos adultos maiores, e por este motivo xa se está preparando a programación do mesmo programa para o ano 2024 con un incremento de prazas e de actividades, para as que destinarán 33.000 euros, que tal e como afirmou José Tomé “vai servir para facer un pouco mais felices aos veciños e veciñas que participen nos cursos programados.”