Preto de 300 mulleres reuniranse este sábado en Monforte nunha xornada sobre emprendemento rural feminino

Preto de 300 mulleres reuniranse para dar visibilidade e poñer en valor o papel das mulleres no desenvolvemento socioeconómico do rural galego, nun encontro que reivindica que “o emprendemento rural é feminino”.
Dende FADEMUR destacan que a cifra de emprendementos impulsados por mulleres no medio rural multiplica casi por 3,1 a de proxectos con homes á fronte. Ademais, sinalan, “se ben a actividade emprendedora total é maior nas contornas urbanas, a porcentaxe de mulleres que optan por esta vía é superior no rural”. Uns datos que amosan a importancia do papel que desenvolven as mulleres no tecido socioeconómico do rural galego.
A cita terá lugar a partir das 10:30 horas no restaurante Don Manuel e conta coa colaboración do Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. Así, o acto contará coa presenzaa do alcalde e presidente da Deputación, José Tomé Roca, o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García, e a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, que serán os encargadoos de inaugurar o evento.
Pola súa banda, a xornalista Manola Porto modrará a posterior mesa redonda, que contará coa participación de Carmen Díaz, do Foro Feminista de Lugo; Iria Campo, produtora de vacún de leite; Noelia Solar, emprendedora responsable de Esencia Viva; Tamara Castro, propietaria de Sacrapastas; e Sonia Expósito, agrónoma e colaboradora dunha explotación familiar. Xuntas, debullarán experiencias e puntos de vista sobre o emprendemento feminino no rural. A xornada complétase cunha conferencia a cargo de Rosa Romero Franco, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo.
O acto de clausura contará coa intervención de Gloria Prada, tenente de alcalde do Concello de Monforte, e Rosa Arcos, secretaria xeral e directora de proxectos de FADEMUR Galicia.
Pola tarde, as asistentes gozarán dunha tarde de convivencia e actividades complementarias en grupo para traballar nos coñecementos adquiridos na xornada da mañá.