Preto de 200 deportistas participarán esta fin de semana na Volta a Lugo Master 2021
Todo en marcha para a celebración, mañá e o domingo, da sexta edición da Volta a Lugo Master 2021. O Club Ciclista Chantadino organiza esta competición, na que se inscribiron 173 deportistas, moi preto dos 200 máximos permitidos.
A proba, que conta co patrocinio dos Concellos do Saviñao, Chantada, Taboada e Monterroso, está reservada para ciclistas con licenza federativa expedida por unha federación de ciclismo e disputarase para as categorías Master 30, Master 40 e Master 50/60.
O percorrido da Volta a Lugo Master 2021 constará de dúas etapas en liña e unha contrarreloxo individual.
- A primeira etapa desenvolverase mañá sábado, día 10. Sairá ás 11.00 horas desde Escairón e percorrerá 75 quilómetros.
- Xa pola tarde disputarase a segunda etapa, con saída ás 16.45 horas tamén en Escairón. Será unha contrarreloxo individual de oito quilómetros.
- A terceira e última etapa terá lugar o domingo, día 11, con saída ás 10.45 horas en Chantada. O percorrido será de 70 quilómetros.
A proba rexerase polo sistema de clasificación por tempos, contabilizando para a clasificación xeral final a suma dos tempos investidos nas tres etapas.
O Club Ciclista Chantadino lembra que, para poder recoller os seus dorsais, os deportistas inscritos teñen que presentar un certificado dunha proba covid-19 negativa, de vacinación ou de ter superado a enfermidade.