Preto de 200 deportistas déronse cita en Monforte no Campionato Galego de Técnica e Freestyle de Taekwondo

RibeiraSacraXa
O Club Neka de Monforte foi un dos grandes protagonistas da xornada, ao proclamarse campión galego absoluto da competición por terceiro ano consecutivo
campionato-galego-karate-monforte
26 Jan 2026

O Pavillón Polideportivo Municipal da Pinguela acolleu na mañá deste sábado, 24 de xaneiro, o Campionato Galego de Técnica e Freestyle de Taekwondo, unha competición que reuniu en Monforte de Lemos arredor de 200 deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia. O alcalde da cidade, José Tomé Roca, foi o encargado de entregar as medallas aos gañadores do campionato

O rexedor estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e pola concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa, así como polo presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiríz López; a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Carmen José López, e o director deportivo do Ximnasio Neka, José María Vega.

O Club Neka de Monforte foi un dos grandes protagonistas da xornada, ao proclamarse campión galego absoluto da competición por terceiro ano consecutivo. O campionato contou con participación de deportistas a partir dos 12 anos de idade e tivo un carácter especialmente relevante, xa que os gañadores pasan a formar parte da Selección Galega de Taekwondo, con opción a competir en probas de ámbito estatal e internacional.

O Concello de Monforte colaborou activamente na organización do evento, asumindo a dotación dos trofeos, o traslado dos tapices e a cesión das instalacións deportivas municipais. Desde o Ximnasio Neka destacouse a importancia deste apoio institucional para facer posible a celebración dunha competición destas características na cidade.

No campionato participaron 16 taekwondistas monfortinos do Club Neka, que acadaron un destacado balance de resultados. O club sumou un total de 15 medallas e conseguiu tamén os recoñecementos á mellor deportista feminina, que foi para Laura Álvarez, e ao mellor deportista masculino, outorgado a Álex Camba. As medallas repartíronse en probas individuais, por parellas e por tríos, con presenza de deportistas locais no máis alto do podio.

A celebración deste campionato consolidou a Monforte como sede de eventos deportivos de ámbito autonómico e puxo de manifesto o bo nivel do taekwondo local e galego.

⚙ Configurar cookies
0.075151920318604