Preto de 1.000 corredores participarán este domingo na XV edición da Carreira Popular de Monforte

Un total de 986 corredores e corredoras participan na XV edición da Carreira Popular 2025 de Monforte de Lemos, que se celebra este domingo. O alcalde de Monforte, José Tomé, destacou que “este número tan elevado de inscricións, que este ano volve a aumentar con respecto ao ano anterior, confirma de novo que este é un dos eventos deportivos máis importantes do noso Concello”.
O evento, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Deportes, contará cunha carreira absoluta de 10.000 metros cun percorrido completamente urbano, e catro probas de menores, de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros. Todas elas terán saída e meta na Explanada da Compañía ó carón dos Escolapios.
En canto a proba absoluta, sairá da Praza da Compañía e pasará polo Paseo de Lugo, a rúa Carude, San Lázaro, Reboredo, Dalmiro de La Válgoma, Escultor Francisco Moure, Rúa Sarria, Avda. de Galicia, Rúa Hortas, Rúa Dr. Casares, Paseo do Malecón, Ponte Vella, Rúa Antonio Méndez Casal, Praza Campo de San Antón, Rúa Ourense, Avda. de Galicia, Rúa Cardeal, Escultor Francisco Moure e Praza da Compañía. Trátase dun percorrido de 5 km ó que os participantes terán que dar dúas voltas.
Todas as carreiras, incluídas as carreiras de categorías menores, contarán cun sistema de cronometraxe con chip, a excepción da carreira de categoría mini que non é competitiva. Haberá premios para os primeiros clasificados en todas as probas.