Presentouse o proxecto definitivo das obras de mellora da piscina climatizada de Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o proxecto definitivo das obras de mellora integral da piscina climatizada municipal.
Na Xunta de Goberno, o rexedor informou da aprobación deste proxecto que foi adxudicada a Construcciones Castro, por un importe de 2.025.720,52 euros euros. Neste importe inclúese tanto a elaboración do proxecto, como a execución da obra.
“Cando rematen as obras, a piscina municipal de Monforte volverá a abrir totalmente renovada, sendo unha piscina practicamente nova, pois as obras van supoñer un cambio absoluto das instalacións, cambiando practicamente todo: a entrada, a cafetería, o ximnasio, as gradas, os vestiarios ou os propios accesos interiores á piscina. Todo elo cunha nova imaxe externa e interna, facendo das novas instalacións unha dotación realmente bonita”.
A renovación total da piscina municipal conta cun investimento millonario, de 2.047.009,42 euros, participado polo Consello Superior de Deportes, que concedeu unha subvención ó Concello para este fin de 644.882,94 euros, a Deputación Provincial de Lugo, que aporta, a través dun convenio co Concello, 600.000 euros; e o Concello, que aporta 802.126,48 euros.
Ademais da piscina da Pinguela, está en proxecto arranxar as pistas de tenis e dotar de iluminación dos estacionamentos. “Esta parte da cidade mellorou moitísimo a súa calidade residencial, pero isto ímolo completar co arranxo integral da Piscina municipal, que igual que ocorreu co pavillón imos facer unha piscina practicamente nova”.
Este anteproxecto de reforma integral da Piscina municipal de A Pinguela, “é unha actuación moi necesaria na que levamos a traballar dende fai moito tempo”, e que vai a dar servicio tanto ó club de natación do municipio, coma ós 1.883 usuarios habituais (1396 abonados e 487 participantes en cursos de natación) cos que actualmente conta esta piscina, “que é o número máis alto de abonados que tivo a piscina ata agora. Logo da reforma”, salientou José Tomé, “os monfortinos e monfortinas contarán cunha piscina moderna, segura, eficiente, sostible e en estado óptimo de utilización”.
“Con este proxecto construtivo estou seguro de que acadaremos unha nova imaxe atractiva e moderna para a piscina municipal, e en consonancia co pavillón polideportivo anexo, creando sinerxias entre eles para acadar un conxunto de referencia na provincia” destacou o alcalde de Monforte.
ACTUACIÓNS
As actuacións interiores irán destinadas a devolver a funcionalidade ás instalacións e a amplialas, para dar servizo á crecente demanda por parte dos usuarios. A zona do vaso de piscina manterase como está actualmente, ó atoparse, segundo os informes técnicos, en bo estado.
O groso da intervención de mellora céntrase nos espazos que dan servizo á propia piscina. A entrada desprázase cara á esquina onde confluirá co pavillón polideportivo, para crear un gran vestíbulo de acceso común a ambos espazos, piscina, e polideportivo.
"Este cambio mellorará notablemente a funcionalidade da instalación ó posibilitar ter o control de acceso previo para ambas infraestruturas e proporcionaremos a visitantes e usuarios unha zona agradable e de esparcimento, previa á entrada ao complexo deportivo. Ademais, dotaremos este novo espazo de chan radiante para que nos meses de frío, se poida estar nel con total comodidade", sostivo o rexedor.
"As obras na Piscina Municipal van ser un proxecto de mellora integral en toda a infraestrutura. En consonancia co esforzo que se vai a facer en modernizar e mellorar as instalacións, está o orzamento que lles volvo a subliñar que supera os 2 millóns de euros. Engadidos os 3,7 millóns de euros que investimos no novo pavillón polideportivo, supoñen unha inversión de practicamente 6 millóns de euros grazas ó cal este conxunto polideportivo da A Pinguela será un referente a nivel de equipamento e instalacións deportivas, cunha imaxe atractiva e contemporánea, á disposición dos veciños, veciñas e deportistas que seguro a converterán, xunto co pavillón, nun conxunto de referencia para a comarca de Terra de Lemos, na provincia de Lugo e en toda Galicia, comparándoo con concellos de similares características ó de Monforte”, concluíu.