Preséntanse os horarios dos concertos do Festival Trece Roeis de Pantón

RibeiraSacraXa
A institución provincial, representada polo deputado Pablo Rivera, que estivo no acto, colabora con esta cita musical a través dunha achega de 6.000 euros
Festival-Trece-Roeis-2024
26 Ago 2024

Os organizadores do Festival Trece Roeis, que se celebrará este venres e sábado no concello de Pantón co apoio da Deputación de Lugo, anunciaron os horarios definitivos nos que actuarán os diferentes artistas e grupos musicais durante o evento.

A institución provincial, representada polo deputado Pablo Rivera, que estivo no acto, colabora con esta cita musical a través dunha achega de 6.000 euros.

“Destacaría a capacidade que ten este festival de diversificar e deslocalizar as diferentes actuacións polas rúas de Pantón, o que favorece a integración da propia vida municipal no propio evento. Unha cuestión que contribúe tamén dun xeito importante a dinamizar a economía local. Esta cita é o cóctel perfecto entre tradición, cartel de luxo, gastronomía e viños da Ribeira Sacra”, apuntou Pablo Rivera.

O deputado enmarcou a colaboración provincial no modelo de turismo que defende a Deputación: de calidade, proximidade, sostible e con capacidade para atraer visitantes todo o ano; e tamén no compromiso da institución provincial de colaboración cos 67 concellos da provincia e ao seu tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica do territorio, sobre todo no rural.

No acto, participaron, ademais a representante da asociación organizadora do festival, Blanca Tejero, e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, quen avanzou que para esta fin de semana a ocupación hoteleira está completa no concello.

Segundo sinalaron desde a organización, puxéronse tamén á venda, a través da páxina web, as entradas para a reserva da cata de viños Reitoral de Amandi que incluirá o venres, ás 11.30 horas, un obradoiro da man de Maira Ratón, técnica en elaboración de viños da asociación galega de enólogos. O prezo da entrada é de 10 euros, que se devolverá coa asistencia á actividade, que terá lugar no Espazo Galicia.

PROGRAMA COMPLETO

Venres, 30 de agosto

  • 19.15 horas. Sara Socas
  • 20.15 horas. TIAM Gz
  • 21.20 horas. Fillas de Cassandra
  • 22.50 horas. Soziedad Alkoholika
  • 00.40 horas. Arrhythmia
  • 02.00 horas. Rebeliom do inframundo

Sábado, 31 de agosto

  • 19.45 horas. Exeria
  • 20.50 horas. Ana Tijoux
  • 22.20 horas. Sôber. 30 aniversario con Savia e Skizoo
  • 00.30 horas. Green
  • 02.05 horas. Los de Marras
0.084891080856323