Preséntanse máis de 1.000 alegacións contra o proxecto eólico Ferroedo

RibeiraSacraXa
Entre as principais obxeccións recollidas nas alegacións, Pacto Frente a Eólicos destaca que o proxecto se sitúa nun territorio con diversas figuras de protección
Imaxe recurso de eólicos
12 Mar 2026

A plataforma Pacto Frente a Eólicos informou da presentación de máis dun milleiro de alegacións contra o informe de impacto ambiental do proxecto eólico Ferroedo, previsto nos municipios lucenses de Bóveda e O Saviñao. A iniciativa, segundo sinalan desde o colectivo, estaría conectada mediante instalacións estratéxicas co parque eólico fotovoltaico Neboreiro, cuxa tramitación xa foi freada en 2024 e que tamén afectaba aos concellos de Bóveda, O Saviñao, Monforte de Lemos e Pantón.

Entre as principais obxeccións recollidas nas alegacións, a plataforma destaca que o proxecto se sitúa nun territorio con diversas figuras de protección. Neste sentido, lembran que os municipios implicados forman parte da Ribeira Sacra, candidata este ano a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, ademais de contar co recoñecemento de Reserva da Biosfera, Ben de Interese Común e estar incluídos na Rede Natura 2000.

O colectivo tamén advirte de posibles erros ou omisións na documentación ambiental. Entre eles mencionan que o proxecto non tería en conta zonas protexidas de abastecemento de auga, como Retorta e Sobredo, e que algunhas instalacións se plantexarían sen respectar as distancias mínimas esixidas respecto ás explotacións gandeiras e ao río Sardiñeira.

Así mesmo, desde a plataforma aseguran que, aínda que o proxecto non inclúe na súa documentación instalacións de baterías de acumulación —baseadas principalmente en litio—, estas si se estarían ofrecendo en contratos a propietarios privados e a comunidades de montes veciñais.

Pacto Frente a Eólicos tamén critica a falta de información á cidadanía. Segundo sosteñen, nos concellos de Bóveda e O Saviñao non se tería facilitado con suficiente transparencia a documentación solicitada por veciños interesados en coñecer os detalles do proxecto.

Outra das cuestións sinaladas nas alegacións ten que ver cos datos técnicos incluídos no estudo ambiental. A plataforma sostén que as medicións de ruído e de temperaturas medias recollidas no informe “non se corresponden con datos oficiais”. No caso do ruído, engaden que as medicións non se presentan mediante percentís nin contemplan variacións segundo as condicións do proxecto, senón que “consideran o ruído como un elemento estático”.

As alegacións tamén fan referencia ao posible impacto na saúde da poboación. Neste sentido, menciónase a normativa de protección das persoas con dificultades sensoriais ou outras condicións psíquicas, que poderían verse afectadas por factores como o zumbido constante dos aeroxeradores ou o denominado efecto sombra.

O documento presentado tamén alerta da presenza na zona de especies protexidas, como o aguiucho pálido, así como de turbeiras con valor ambiental polo seu papel na depuración natural da auga, elementos que, segundo a plataforma, non estarían recollidos no informe de impacto ambiental do proxecto Ferroedo.

Desde Pacto Frente a Eólicos agradeceron ademais o apoio recibido por parte de asociacións veciñais das parroquias afectadas, da Asociación Veciñal O Saviñao e de adegas da Ribeira Sacra, así como de numerosos particulares que se sumaron á presentación de alegacións contra a implantación do proxecto.

0.11720108985901