Presentado o proxecto para a urbanización da Zona C en Monforte

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte ven de dar a coñecer o proxecto para a urbanización e dotación de servizos da Zona C.
monforte mapa zona c
10 sep 2021

O Concello de Monforte ven de dar a coñecer o proxecto para a urbanización e dotación de servizos da Zona C, que comprende os terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas, así como comunicar a publicación hoxe do anuncio de licitación para a execución das correspondentes obras contempladas en dito proxecto.

“Estas obras van permitir eliminar a balsa de maleza que existe dende o final da rúa Rof Codina ata a rúa Cobas e na rúa Fontecha, abrindo novos viais, creando novas parcelas para edificar e unha nova zona verde axardinada arredor da Gardería Municipal” destacou o rexedor municipal. “Con estas obras imos cambiar a fisonomía da cidade, mellorando a trama urbana e poñemos en valor, unha zona da cidade moi preto do monumento da Nosa Señora da Antiga, que sen dúbida vaille dar unha maior calidade urbana a esa parte de Monforte”.

O pasado mes de novembro de 2020, o alcalde monfortino dera a coñecer os inicios dos traballos para a elaboración do proxecto construtivo da Zona C, e daquela o custe total do mesmo ascendía a 1.023.698,80 euros, segundo os cálculos do proxecto de reparcelación.

Unha vez elaborado o proxecto construtivo e axustados os custes, as obras para a urbanización e dotación de servizos da Zona C, teñen un custe de licitación de 918.165,09 euros (IVE engadido), aproximadamente uns 100.000 euros menos dos inicialmente estimados.

O proxecto conta cunha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento aportado polo Concello monfortino, é dicir, 618.165,09 euros, un 67,33 euros do total.

Prazos

O prazo de presentación de ofertas será de 26 días naturais dende que se publique o anuncio na Plataforma de Contratación, o cal foi onte día 9 de setembro, polo que o prazo de presentación estará aberto ata o martes 5 de outubro ás 14 horas.

A mesa para a apertura do sobre técnico terá lugar o mércores 6 de outubro ás 9 da mañá, e a apertura da oferta económica terá lugar o mércores 13 de outubro á mesma hora.

O prazo de execución da obra, unha vez adxudicada e asinada a acta de replanteo, será de 8 meses, polo que, segundo salientou o alcalde “calculamos que as obras van estar rematadas no vindeiro ano 2022”.

Proxecto de urbanización e dotación de servizos da Zona C

Así mesmo, tamén se deu conta dos principais datos que recolle o proxecto construtivo e que son os seguintes: o número de parcelas afectadas por este proxecto de urbanización eran 12 fincas, a superficie total afectada por esta urbanización incluíndo a superficie das parcelas e o vial municipal supoñen 21.090 metros cadrados, algo máis de dúas hectáreas, o número de propietarios destas 12 parcelas era de 73 e que o número de parcelas que van quedar despois da urbanización son 18, das cales 15 son para urbanizar e 3 para zonas verdes.

O aproveitamento urbanístico destes 5.785 metros cadrados urbanizables é de 22.230 metros cadrados edificables, dos cales 4.744 metros cadrados serían baixos e 17.486 metros cadrados serán para vivendas.

As edificacións serán de baixo máis tres alturas, na marxe dereita con fachada e traseira e na marxe esquerda deberán ser doble fachada, por contar con paseos peonís entre os edificios e a zona axardinada.

Tanto as novas beirarrúas como o acceso peonil á Gardería, serán de losas de granito, o que vai realzar a singularidade desta urbanización. Nas rúas de nova creación, vanse crear 67 prazas de estacionamento e 3 para persoas con discapacidade, o que facilitará a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Monforte.

Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén haberá unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde ó longo do río Cabe, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, poñendo en valor esa zona da cidade.

Antecedentes

Na súa comparecencia, o Alcalde monfortino esbozou os pasos que se foron dando dende o Concello en relación á evolución desta nova zona urbanística da cidade.

O terreo, denominado Zona C, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.

Tomé Roca salientou que “pasaron máis de 20 anos dende aquel acordo e ata agora ningún goberno municipal se atreveu a levar a cabo a súa urbanización, así que, igual que ocorre con outros proxectos, este Alcalde e o seu Equipo de Goberno, puxémonos mans á obra para urbanizar esta zona da cidade e seguir mellorando o noso Concello”.

Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso dado foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da “Zona C”, desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo, e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020.
O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de notificación ós donos das parcelas afectadas por este proxecto, notificación que foi realizada polos Axentes da Cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.

O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan. A aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.

Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado polo alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto. Unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, esta realizará as obras de urbanización propiamente ditas, nun prazo estimado de 8 meses.

monforte de lemos plano mapa zona c
0.14236187934875