Presentada a nova edición número 50 da Subida a Chantada
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este martes na presentación da 50 edición da Subida a Chantada, que terá lugar esta fin de semana, os días 26, 27 e 28 de xullo. No acto, que tivo lugar no Parque Eloísa Rivadulla do concello chantadino, participou tamén o vicepresidente e deputado de Deportes, Efrén Castro Caloto, e o tenente alcalde do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, entre outras autoridades.
Durante a presentación, Pilar García Porto subliñou que “dende a Deputación de Lugo estamos seguros que esta fin de semana viviremos un auténtico espectáculo do deporte e do motor nas rúas chantadinas”. Detallou a Deputada que “a Subida é unha das probas máis atractivas do Campionato de España de Montaña, pero tamén un claro exemplo de como o deporte pode actuar como un potente motor de desenvolvemento económico e social, impactando positivamente en Chantada e en todo o conxunto da comarca da Ribeira Sacra”.
"Este evento atraerá a preto de 80 deportistas de alto nivel e milleiros de afeccionados, e contará coa presenza dos tres líderes da competición, o que garantirá unha competición de máxima calidade e emoción”. Un feito, engadiu Pilar García Porto, “que supón unha gran oportunidade para o desenvolvemento dos sectores como a hostalaría e o turismo, promovendo e dinamizando a economía local”
Así mesmo, destacou que "a Deputación está firmemente comprometida en apoiar eventos coma este que van máis aló do carácter meramente deportivo, contribuíndo ao crecemento económico”. Rematou a Deputada animando a todos a achegarse esta fin de semana a Chantada“para vivir esta Subida, desfrutar do espectáculo, da paisaxe e da gastronomía”.
Desenvolvemento da proba
A 50ª edición da Subida a Chantada, a terceira proba que forma parte do Campionato de España de Montaña AUTOhebdo SPORT, conta cun trazado de algo menos de catro quilómetros e medio de lonxitude, nos que se combinan unha metade inicial e virada cunha parte na que os vehículos máis potentes acadan velocidades por riba dos 200 km/h.
O desenvolvemento da proba, organizada pola Escudería Chantada, arrancará o venres dende o centro da vila chantadina coas verificacións dos vehículos participantes, e a cerimonia de saída. O sábado está prevista unha manga de adestramentos libres, dous oficiais e a primeira subida de carreira, mentres que, o domingo, terá lugar a terceira subida de adestramentos e as dous restantes de carreira. As dúas xornadas de competición emitiranse en directo a través do canal de Youtube da Real Federación Española de Automobilismo.