PP de Lugo destaca os investimentos contemplados nos Orzamentos da Xunta no sur da provincia

RibeiraSacraXa
Os populares poñen en valor os fondos destinados á segunda fase da mellora da LU-651 e o apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial
lola-castro-raquel-arias
4 Nov 2025

O PP de Lugo destaca os investimentos contemplados nos Orzamentos da Xunta no sur da provincia e salienta o “compromiso” do Goberno galego co rural, subliñando que “a provincia de Lugo é a que recibirá maior investimento por habitante”.

A deputada autonómica Raquel Arias destaca que “un dos investimentos máis importantes que contempla o Executivo autonómico nas contas do vindeiro ano para a zona sur da provincia se dirixe á segunda fase da mellora da LU-651” entre Folgoso do Courel e Seoane do Courel.

Durante unha visita ao municipio onde estivo acompañada pola alcaldesa, Lola Castro, Arias destacou que cos novos orzamentos “o presidente Alfonso Rueda cumpre o compromiso manifestado durante a inauguración da primeira fase de seguir con esta estrada, que é a columna vertebral do noso concello”.

Ademais, destacou o “reforzo do gasto social” da Xunta con estas achegas, que prevén dirixir o vindeiro ano 3 de 4 euros a política social, sanidade, educación ou emprego.

A deputada popular subliñou que “a Xunta de Galicia mantén o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial” e tamén contempla “unha nova convocatoria de axudas para a conservación do entorno paisaxístico e dos viñedos da Ribeira Sacra para o que a Consellería de Medio Rural xa avanzou en Sober que reserva 1,5 millóns de euros”.

Arias expliou que en materia de medio rural e medio ambiente, os Orzamentos da Xunta para o 2026 contemplan fondos para o Plan Camiña Rural ao que se estima dirixir máis de 4,5 millóns na provincia, o reforzo do apoio ás labores de xestión da biomasa, o servizo de matadoiro móbil para o que se dirixe preto de 1 millón de euros en apoios directos ao sector agrogandeiro e partida para a conservación das frondosas na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Neste sentido, detallou que o Goberno galego contempla achegas directas de preto de 900.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no Xulgado de Monforte, 800.000 euros para a mellora do saneamento de Pantón, 500.000 euros para a mellora do IES A Pinguela de Monforte, melloras tamén na UAF e impulso ao Polo de Emprego de Monforte.

Ademais, contémplanse tamén melloras no equipamento do hospital e nos centros de Atención Primaria, ademais do incremento das retribucións e mellora das condicións laborais do persoal do ámbito sanitario, así como do sistema educativo e do servizo contra incendios.

⚙ Configurar cookies
0.071607828140259