Porque é unha cidade... agradable

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
4 Oct 2021

Por Fernanda Arrojo

No meu anterior artigo falaba da eliminación das barreiras físicas (as arquitectónicas, as urbanísticas e as de comunicación), facendo de Lugo unha cidade accesible. Neste falarei doutro tipo de barreiras máis sutís, pero non menos dañinas: as socio-mentais.

Como xa mencionei anteriormente, con dezaoito anos quixen deixar Lugo. Estaba farta de atoparme con grupiños de xente pechados a todo aquel que fose diferente. Tiña a impresión de que non só existía unha muralla monumental, senón que tamén, en moitas mentes desta cidade, existían barreiras insuperables. E sobre todo, percibín un conformismo que me arroxou por enriba unha especie de tristura melancólica. Para mín Lugo era un lugar inhóspito.

Entón, querendo revelarme, e tamén por inquedanza profesional, marchei de Lugo para atopar unha contorna máis aberta e menos excluínte.

A vida, o destino ou o azar oportunista quixeron que volvese e redescubrise esta cidade. Máis de tres décadas despois, revirou meu pensamento. Agora recomendo visitala, incluso residir nela.

Sobre todo no outono, cando estamos a piques de rematar o verán e cando está a comezar o mes de outubro, Lugo transfórmase, énchese de ledicia rompedora co de sempre para amosar outras cousas diferentes á rutina cotiá.

Toda a xente sae á rúa aínda que chova e empece a facer frío. E todo iso é porque cheira a festa. Con ou sen pandemia, entre o 4 e o 12 deste mes, a veciñanza lucense quere festexar ao seu patrón, San Froilán.

E cando digo toda a xente é que me estou referindo a toda a poboación, residente ou non, que pasa por Lugo un día ou queda varios porque quere probar o polbo á feria, haxa ou non atraccións e barracas.

Esta mestura de xentes conviven durante nove días sen atrancos. Unha proba diso é que as persoas con diversidade funcional teñen a posibilidade de asistir aos concertos en igualdade de oportunidades xa que dispoñen dunha tarima para ver o escenario.

Non só isto ocorre nas festas patronais, senón tamén no Arde Lucus, festas que teñen lugar, basicamente, na rúa con moito mellor tempo xa que se celebran no mes de xuño.

E para o resto do ano, segundo o slogan archicoñecido “E para comer Lugo”, os lucenses atraen aos visitantes foráneos conquistándoos polo estómago.

Ser convidado a xantar nunha mesa é sinal de acollida, de hospitalidade ofertada pola xente cando se colle confianza. Compartir tempo de lecer en  calquera zona de viños, distribuídas pola cidade: rúa Nova- rúa da Cruz; barrio da Milagrosa, Fontiñas... supón retornar á casa xa ceados e algo contentos, grazas ás suculentas tapas gratuítas. E unha vez máis, mencionar a moitos negocios de hostalería que fixeron esforzos para adaptarse ás persoas con mobilidade reducida.

Aos que veñen de fóra, se lles explica ben todo para que non se perdan, para que aproveiten ben o tempo e vexan o máis turístico da cidade e, por suposto, para que volvan sen deixar de falar de nós nas súas localidades.

Ofrecer oportunidades, convidar e acoller son verbos que se están a conxugar en Lugo, facendoa unha cidade cada vez máis agradable.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.172119140625