Por ser unha cidade que pensa EN FEMININO
Por Fernanda Arrojo
O 8 de marzo, tanto en Lugo como no resto do mundo, celébrase o Día Internacional da Muller.
A cidade énchese de manifestantes para reclamar unha igualdade real e efectiva de dereitos; para esixir tolerancia cero ante calquera tipo de violencia de xénero; para visibilizar a todas as mulleres na súa diversidade...
Isto supón un salto cualitativo dentro do feminismo: as ideas non se expresan mediante grandes manifestos ou discursos, senón mediante accións concretas na rúa e o exercicio de prácticas cotiás que, na súa maior parte, reflíctense nas redes sociais.
Así, reivindícase tanto a loita contra o teito de cristal nos centros de traballo como os intentos de visibilizar os micromachismos, pasando por un reparto máis equitativo dos coidados no eido familiar.
Pero, a pesar de toda esta loita, a desigualdade segue a ser unha realidade na nosa sociedade. Empoderar, visibilizar e practicar a sororidade entre nós, as Mulleres son formas de erradicar as desigualdades.
Por iso, aproveito para falar das distintas mulleres, na minoría lucenses, que ao longo do tempo foron ou son para min todo un referente na miña maneira de pensar, sentir e facer; ás que sempre estarei moi agradecida porque sen Elas, en maior ou menor medida, non sería EU.
Quero comezar pola miña avoa, Mercedes, unha viúva con trece fillos, que loitou como puido para sacalos adiante, nunha época na que o lema era “oír, ver e calar”, pero facía e dicía moitas cousas porque tiña esperanzas coma, por exemplo, o desexo de que algún día eu camiñara. De aí, a súa insistencia ás miñas tías en que me puxesen a andar, collida por debaixo dos brazos. A súa idea era que o meu era cousa de práctica.
Coma filla da súa nai, a miña mamá Araceli sempre estivo e está aí, ao meu carón, como cando me axudaba a subir á clase onde estudaba de forma normalizada; como cando me levaba á rehabilitación á primera hora da mañá para non perder o curso; como cando me coidaba, día e noite, nas miñas hospitalizacións... Sempre xogando un papel omnipresente na miña traxectoria vital, grazas ao seu espírito de loita e non resignación.
Tamén quero facer unha breve referencia ás mestras e profesoras que crían nas miñas capacidades e traballaron para que eu tivera unha boa formación. Neste punto, lembro o que me dixo a miña irmá maior, cando tiven que repetir: “serás valorada pola túa intelixencia”. Lema que impregnou toda a miña vida, na que a adquisición de coñecementos tivo sempre un papel fundamental.
Non podo esquecerme das miñas compañeiras de Auxilia. Compañeiras na diversidade funcional e non na discapacidade xa que queremos que se recoñezan, dunha vez por todas, as nosas capacidades que poden ser desenvolvidas de xeito diverso.
E tamén están as miñas compañeiras de fatigas teatrais que queren que eu sexa partícipe e, incluso, protagonista de aventuras dramáticas.
As amigas de sempre, as que nunca me trataron de maneira diferente, senón que empatizan comigo, en todo momento, e fan que eu me sinta unha máis. E unha breve lembranza á miña compañera de traballo e amiga que, grazas a ela, estou aprendendo que é iso do Feminismo.
E por último, non me quero esquecer dunha figura fundamental para fomentar a autonomía que necesito para levar unha vida con normalidade, a pesar da miña dependencia: A miña asistente persoal.
Na nosa cidade, no o ano pasado, había 97.613 habitantes. Se diferenciamos por sexo, 45.039 son homes, e 52.574 son mulleres. Somos, polo tanto, maioría e é hora de que pensemos en nós e coma nós, non por ser superiores a ninguén, non por estar en contra de ninguén, senón porque loitamos pola igualdade e dignidade de todas as persoas. Pensemos en feminino.