Por ser unha cidade moi afeccionada ao deporte

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
10 Feb 2022

Por Fernanda Arrojo

Como xa comentei na miña anterior colaboración, tanto a cultura coma o deporte en Lugo están moi ligados á nosa cidade e á súa xente.

Penso que son determinantes á hora de definir a nosa idiosincrasia coma lucenses, o noso estilo de vida, diferenciándonos dos demais.

Non esaxero para nada, senón pensemos no que pasa en canto se fala do Breogán. Fóra de Lugo, pódese pensar que se está a refirir ao último xefe celta de Galicia, mais para a mente e, tamén para o corazón dos lucenses, estase a refirir ao club de baloncesto da cidade.

O feito de que unha pequena cidade que non chega aos cen mil habitantes teña un equipo xogando na ACB fixo que tanto as autoridades como a poboación creasen un ambente arredor do baloncesto para vivilo máis aló do que é a competición deportiva.

De pequena escoitar falar de deporte en Lugo era escoitar falar, ademáis do Breo, do Club Deportivo Lugo. E de adolescente coñecín ao Xuncas, a través dunha xogadora, compañeira miña no instituto.

E cando se falaba deste tipo de clubes, decatábase a paixón que se tiña por eles na cidade.  Paixón que ía máis alá do campo de fútbol e do antigo Pavillón Municipal de Deportes.

No primeiro terzo da miña vida o deporte foime totalmente alleo.  Quizais, porque non o practiquei xa que estaba exenta da asignatura  de ximnasia a causa da miña discapacidade.  E se facía algún tipo de exercizo físico era cando acudía a rehabilitación. 

Foi cando volvín a esta cidade, despois de estudar fóra, cando comecei a practicar deporte, propiamente, dito.

Naquela época creouse a Agrupación Deportiva Auxilia-Lugo que buscaba unha vía de promoción do deporte adaptado ás persoas con discapacidade. E, claro, apunteime.

Así aprendín o que era pasar por unha especie de xurado deportivo para ser clasificada nunha categoría, segundo as limitacións funcionais;  o que era estar federada e cumprir cun calendario de competicións; o que supoñía adestrar de dúas a catro veces por semana, dependendo da proximidade dun campionato;  de como era estar nunha cámara de chamadas e estar calada para concentrarte; o que impoñía ter un público, moito ou pouco, expectante da túa xogada; e coñecer o sabor do éxito e, sobre todo, do fracaso.

Competimos nunha modalidade de atletismo adaptada a persoas con parálise cerebral.  Non consistía en correr, senón en tirar un pequeniño saco de area o máis alto posible ou empurrar un balón medicinal canto máis lonxe mellor. Unha agarimosa lembranza aos meus compañeiros e monitores da Agrupación Deportiva de Auxilia.

Pódese dicir que Lugo destacou no piragüismo, por exemplo, ao seu regreso dos Xogos Olímpicos de Toquio. As autoridades municipais renderon homenaxe ao primeiro ouro olímpico lucense, Isaac Toro, digno sucesor doutro medallista, tamén olímpico, Ramos Misioné que gañou unha de prata en Montreal 1976 e outra de bronce en Moscova 1980.

E se falamos dos paraolímpicos, a atleta lucense Adiaratou Iglesias proclamouse campioa paralímpica, tamén en Toquio. Aproveito para lembrar a Tito Margaride que ten unha de bronce, acadada en Sidney 2000.

Pero Lugo non só ten medallistas paralímpicos en atletismo, senón tamén en boccia, unha de ouro, obtida en Sídney 2000, na persoa de Hilda Rodríguez Rodríguez.

A boccia é un deporte adaptado para persoas con parálise cerebral inspirado nun popular xogo italiano do que toma o seu nome, sendo paralímpico desde 1984. Baséase en combinar precisión, forza e táctica. Practícase individualmente, por parellas ou por equipos, nun campo rectangular no que os xogadores tratan de lanzar as súas bólas o máis preto posible da branca que é o obxectivo a acadar.

Eu competín en boccia, pero de forma moi modesta, sendo o meu mellor resultado acadar un bronce por equipos nos Nacionais de 1992. Pero, dende entón empecei a afeccionarme aos deportes.  Un exemplo diso foi cando o Breo convidou a membros de Auxilia, entre outras asociacións, a ver os partidos no Pazo.  E decateime de que moitísima xente de Lugo vibra con cada punto acadado polo seu equipo.

0.059760808944702