Por Chantada propón varias iniciativas para que as Festas Patronais se desenvolvan de forma harmónica

RibeiraSacraXa
Por Chantada esixe ao goberno local de Chantada que cumpra unha serie de cuestións para que se desenvolvan de forma axeitada as Festas Patronais, que terán lugar do 24 ao 29 de agosto.
festas Chantada
16 Aug 2023

Por Chantada esixe ao goberno local de Chantada que cumpra unha serie de cuestións para que se desenvolvan de forma axeitada as Festas Patronais, que terán lugar do 24 ao 29 de agosto.

Así, lembran que na Festa do Viño de Marzo, as atraccións non cumprían o artigo 7 b) doRD 226/2022, do 22 de decembro, con respecto a que as atraccións contiñan imaxes sexistas e está prohibido. Por iso, desde Por Chantada piden que, para estas festas patronais, se verifique o cumprimento por parte de todas as atraccións de feira que se instalen dos requisitos de seguridade, técnicos e de funcionamento legalmente previstos en consonancia co exposto na Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza e dos artigos 5 a 7 do RD 226/2022, do 22 de decembro.

Por outra banda, lembran que en eventos anteriores houbo emisións de decibelios elevadas na rúa Taboada ata altas horas da noite e xusto ao lado da residencia de maiores que xeraron trastornos nas persoas do centro, un feito que foi sinalado polas persoas traballadoras como algo improprio e dunha falta de sensibilidade total.

Por isto, piden que se teña en conta na localización das atraccións, orquestras ou calquera outro potencial emisor de ruído o dereito ao descanso da veciñanza e a situación da residencia de maiores de Chantada.

Por último, tamén propoñen que as festas de Chantada teñan unha hora ao día de atraccións sen música nin luces, para facilitar que poidan ser desfrutadas por persoas diagnosticadas de TEA e, en xeral, con calquera tipo de hipersensibilidade sensorial, e mais polas súas familias.

0.16463017463684